A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este martes a celebración da xornada As (ciber)violencias sexuais: a coeducación como medida de prevención. Nela presentouse ademais o libro El cuerpo del delito: la cosificación sexual de las mujeres.
A actividade, organizada polo grupo de investigación en Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) da Universidade de Vigo, estivo coordinada por Rosana Martínez, profesora na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense, e por Laura Redondo, profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra. Na inauguración, Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, salientou que esta xornada é unha das financiadas pola convocatoria de axudas para a organización de actividades docentes que promovan a perspectiva de xénero da UVigo, poñendo en valor que “a saúde en igualdade da nosa comunidade universitaria eu creo que é moi boa”. Pola súa banda, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, puxo en valor que o Plan Estratéxico da UVigo ten como un dos eixes transversal de todas as súas actividades a igualdade.
Perpetuación e ampliación da violencia
Segundo sinalaron as coordinadoras da iniciativa, “a violencia sexual é unha realidade que sofren maioritariamente as nenas e mulleres. Ademais, a revolución tecnolóxica creou un novo espazo no que se perpetúan e amplían situacións de (ciber)violencia sexual”. Neste contexto, e “para entender esta perspectiva das (ciber)violencias sexuais desde unha realidade constante e continua ao longo da vida de adolescentes e mulleres” a xornada celebrada este martes convidou a diferentes expertas para analizar “dende o pensamento crítico, as diversas formas do sistema patriarcal para exercer violencia cara ás mulleres, sendo a esfera virtual unha nova vía para perpetuar violencias sexuais e de xénero”.
A xornada, indicaron, tivo “a finalidade de concienciar e sensibilizar das (ciber)violencias sexuais que sofren as nenas, adolescentes e mulleres, e a necesidade de fomentar a creación de espazos coeducativos, formais e non formais como ferramenta para construír sociedades xustas, igualitarias e libres de violencias sexuais tanto no plano on line como off line”. As catro conferencias da xornada levaron por título A coeducación como ferramenta de prevención das ciberviolencias sexuais; As ciberviolencias e cosificación cara as mulleres deportistas en Twitter; De Instagram a Onlyfans. Elas móstranse e eles lúcranse e A prevención e a intervención das ciberviolencias sexuais dende a Educación Social e Traballo Social.
As mulleres como obxecto
No marco da xornada, presentouse o libro El cuerpo del delito: la cosificación sexual de las mujeres a cargo das súas autoras, a catedrática María Lameiras, a profesora Yolanda Rodríguez, ambas da Universidade de Vigo, e Alba Adá Lameiras, profesora da Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. Na publicación, editada por Tirant Humanidades, as autoras propóñense “contribuír a esclarecer un “feito criminal” e axudar a atopar “o corpo do delito”: a obxectivación do corpo das mulleres”. Esta obxectivación ou cousificación da metade da poboación mundial, sinalan no libro, “representa a columna vertebral da súa subxugación e, por tanto, é un asunto central para o feminismo crítico”.
No libro, indican as súas autoras, “dirixímonos, acompañadas de afiados escalpelos e modernos bisturís, á zona cero da desigualdade e a explotación económica e sexual das mulleres para examinar as probas na escena do crime: as sociedades de primacía masculina. Sociedades sustentadas sobre unha estrutura de poder asimétrica entre homes e mulleres, poder que eles se arroxan a tomar a costa de arrebatarllo a elas”. Ao longo das páxinas da publicación, as súas autoras abordan a construción social das mulleres como o “segundo sexo” e a súa conversión en “obxectos de consumo” e analizan os seus dereitos.