Ref.: 2021-1-PL01-KA220-HED-000027549
01/11/2021 – 31/10/2023 | Unión Europea
Íñigo Cuíñas Gómez
Participantes do centro: María del Pino Díaz Pereira, Lucía Casal de la Fuente, María Carmen Ricoy Lorenzo, Joseba Delgado Parada.
Importe financiado: 307.072,00 € (Total) / 82.261,00 € (Universidade de Vigo)
Descrición
O desempeño durante a formación universitaria require ao estudantado importantes esforzos por adaptarse a un novo rol, normas, responsabilidades e demandas académicas. Gran parte da investigación sobre estrés en estudantado universitario examinou a relación cos procesos de avaliación, aos que o estudantado outorga unha elevada importancia. Estes contextos representan un tipo crítico de situacións de estrés. Existe suficiente evidencia dende a neurociencia cognitiva para afirmar que o estrés ten unha influencia negativa sobre a atención, a memoria e, en xeral, sobre a aprendizaxe. Asimesmo, é unha variable que debe ser considerada debido aos potenciais impactos que pode xerar sobre o proxecto académico do estudantado e sobre a súa calidade de vida, podendo causar problemas de saúde físicos e mentais, reducindo a autoestima e afectando aos logros académicos.
Neste contexto, dadas as múltiples posibilidades e beneficios que están xurdindo no deseño e implementación de ferramentas dixitais para o adestramento de habilidades, neste proxecto apóstase pola creación de escenarios de realidade virtual que poidan servir ao estudantado universitario para adestrar habilidades de afrontamento ante situacións de avaliación, co fin de mellorar o seu benestar neste tipo de contextos, así como o seu rendemento.
Obxectivos
O obxectivo principal do proxecto é mellorar o benestar do estudantado universitario a través da creación de contornas virtuais que o axuden a afrontar síntomas ligados ao estrés, á ansiedade e á depresión, causados por situacións de avaliación que se producen frecuentemente en contextos académicos, como exames ou presentacións orais.
Para isto, o equipo de investigación debe:
- Identificar as preferencias percibidas polo alumnado en canto ás características dos escenarios que favorecen o adestramento do control do estrés antes de expoñerse a situacións de avaliación.
- Deseñar os escenarios acorde ás preferencias sinaladas.
- Crear as ferramentas en base aos deseños establecidos.
- Aplicalas con estudantado universitario para saber se ofrecen o efecto esperado, tendo en conta as medidas previas e posteriores do nivel de estrés percibido (a través do uso de autoinformes do propio estudantado), así como medido con diversas ferramentas.
Actividades
As actividades do proxecto divídense atendendo a diferentes fases:
- Kick-off meeting (encontro inicial): En decembro de 2021 levouse a cabo o primeiro encontro das institucións que participan no proxecto e deseñouse a enquisa sobre estrés ante situacións de avaliación a aplicar a estudantado universitario.
- Realización de enquisas: entre os meses de decembro de 2021 e maio de 2022 aplicáronse as enquisas á mostra de estudantes.
- Summer school “VRxanny competition” (encontro de verán): en xullo de 2022 levouse a cabo na Universidade de Vigo un encontro con estudantado universitario proveniente dos cinco países implicados no proxecto. Este encontro foi organizado polo equipo da UVIGO, e nel rexistráronse datos sobre o nivel de estrés percibido polo alumnado así como sobre a identificación de estímulos e situacións potencialmente estresantes e relaxantes.
- Deseño de escenarios: en novembro de 2022 o equipo do proxecto definiu as características dos escenarios de realidade virtual (en base á información recollida no encontro de verán e nas enquisas) e planificou a súa aplicación. Esta fase do proxecto foi liderada polo equipo da UVIGO, coa participación da ULodz e da Politécnica Lodz.
- Participación nas xornadas organizadas pola OPI da UVIGO: en novembro de 2022, o investigador principal, Íñigo Cuíñas, presentou nunhas xornadas sobre proxectos internacionais as liñas do proxecto.
- Próximos pasos: durante o ano 2023, as aplicacións de realidade virtual serán creadas pola Politécnica Lodz e pola UTartu, realizaranse probas da aplicación en cada unha das universidades participantes con alumnado universitario, e levarase a cabo unha nova summer school na cidade de Lodz, na que se prevé a participación de alumnado da UVIGO, para o cal se creará unha convocatoria. En novembro espérase realizar un seminario de peche en Lodz.
Ademais, en canto á divulgación, destaca a presentación do proxecto en xornadas sobre proxectos internacionais (como as organizadas pola OPI da UVIGO), entre a comunidade universitaria da UVIGO. Tamén se derivará do proxecto publicación científica mediante artigos en revistas especializadas de ámbito nacional e/ou internacional ademais de libros-manuais sobre ferramentas dixitais para o adestramento de habilidades que axudan a afrontar o estrés ante situacións de avaliación en contextos académicos.