Ref.: PID2019-106700RB-I00
01/06/2020 – 31/05/2024 | Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades
Esther Pillado
Participantes do centro: Carmen Verde Diego, Rubén González Rodríguez, Iria Vázquez Silva.
Importe financiado: 27.225,00 €

 

Descrición

Nos últimos anos incrementouse o número de episodios de violencia de xénero entre adolescentes. A estatística xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, a Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, entre outros, coinciden na conveniencia e necesidade de actuar fronte a tales situacións coa maior antelación posible e cunha dobre finalidade. Loxicamente, proporcionar á vítima a atención e protección necesaria, pero sen perder de vista que o infractor tamén é menor, polo que non resulta axeitado responder á súa conduta coas medidas deseñadas para os adultos, dende unha perspectiva adultocéntrica e punitiva. Ben ao contrario, é preciso implementar medidas de carácter socioeducativo, guiadas polo espírito e principios que informan a Lei Orgánica de Responsabilidade do Menor.

 

Obxectivos

  1. Recadar e analizar a información que proporcionan as distintas estatísticas oficiais sobre a violencia de xénero exercida por menores de idade co fin de identificar factores e situacións de risco que poidan propiciar tales episodios violentos.
  2. Artellar vías para a detección das situacións de violencia de xénero e fomentar a súa denuncia. Deseño, elaboración e difusión de campañas de información axeitada, especialmente en centros educativos, sobre as características das situacións de violencia e mecanismos de atención ás vítimas.
  3. Deseñar medidas de prevención das situacións de violencia de xénero entre parellas adolescentes.
  4. Obxectivos específicos relativos á protección da vítima, habitualmente tamén menor de idade. Entre eles destacan: i) definir as medidas de protección máis axeitadas que se poden adoptar de modo inmediato para atender á vítima e, especialmente, cando esta tamén sexa menor ou se atope en situación de especial vulnerabilidade; e ii) analizar a participación que debe darse á vítima nas actuacións procesais, fundamentalmente co fin de evitar a vitimización secundaria e a impunidade da conduta violenta pola súa negativa a declarar contra o agresor.
  5. Obxectivos específicos referidos ao tratamento do menor agresor. Entre eles destacan: i) analizar cales son as medidas socio-educativas, previstas na LORPM, máis idóneas para lograr a reinserción do menor autor de violencia de xénero; e ii) deseñar proxectos de intervención socio-educativa específicos que atendan as connotacións propias da violencia de xénero co fin de reforzar a súa eficacia resocializadora.

 

Actividades

Actividades propias do proxecto:
as derivadas da realización do proxecto e que pretenden dar resposta aos obxectivos previamente identificados.

Divulgación e transferencia:
organización de congresos propios para a difusión dos avances e resultados derivados do proxecto, así como outra divulgación en seminarios, xornadas e congresos (nacionais e internacionais) levados a cabo por outras entidades.
Elaboración dunha aplicación móbil para a prevención de violencia de xénero entre adolescentes.

Publicacións científicas:
libros e artigos en revistas especializadas. Entre os xa editados destaca o libro “Retos de la justicia civil indisponible: infancia, adolescencia y vulnerabilidad”, publicado no ano 2022 por Thomson Reuters Aranzadi.