Ref.: PID2019-106856RA-I00
01/06/2020 – 31/05/2023 | Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades
María Victoria Carrera Fernández
Participantes do centro: Nazaret Blanco Pardo, María Victoria Carrera Fernández, Alexandra Castro Faria, Xosé Manuel Cid Fernández, Deibe Fernández Simo, Antonio González Fernández.
Importe financiado: 29.040,00 €
Descrición
A escola é un potente axente de socialización que contribúe á construción da identidade a través dunha socialización cisheteronormativa e etnocéntrica. Ademais, a escola constitúe un espazo interrelacional onde o alumnado desprega toda unha serie de prácticas de violencia, coñecidas como bullying e ciberbullying, alimentadas por estes estereotipos e prexuízos aprendidos, que lle permiten reafirmar a súa identidade e delimitar as fronteiras entre o eu/nós e os outros. O bullying é un significativo problema de saúde pública que recibiu unha maior atención nas dúas últimas décadas. O estudo deste fenómeno centrouse maioritariamente no alumnado, atendendo fundamentalmente á análise de factores individuais de corte psicolóxico, simplificando a problemática; obviando a influencia de variables de compoñente máis social, tales como as normas e os discursos sociais en torno ao xénero, a sexualidade e a etnia.
Recentemente, estudos levados a cabo con adolescentes, entre os que destacan os traballos publicados polo noso equipo de investigación, demostran de forma consistente que as variables socioculturais relativas á cisheteronormatividade e ao etnocentrismo (tales como os estereotipos de xénero, as actitudes sexistas e de rexeitamento á diversidade sexual e cultural do alumnado) teñen unha influencia decisiva na súa participación en situacións de malos tratos entre iguais. Con todo, non existen traballos relevantes que estudasen estas variables no profesorado e a súa relación coas situacións de bullying experimentadas polo alumnado.
Para dar resposta a estas limitacións e avanzar sobre a investigación previa deséñase este proxecto, cuxo obxectivo principal oriéntase a analizar a relación entre os coñecementos, actitudes e prácticas docentes do profesorado de secundaria relativas á igualdade de xénero, a diversidade sexual e cultural, e o bullying, e as situacións de malos tratos entre iguais experimentadas polo seu alumnado.
Obxectivos
Este estudo responde principalmente os obxectivos establecidos no Reto 6 “Ciencias sociais e humanidades e ciencia con e para a sociedade” do Plan Estatal 2017-2020, ao contribuír dunha forma innovadora e pioneira a unha mellor comprensión da contorna educativa e, en concreto, á comprensión da dinámica de fenómeno do bullying escolar, que constitúe, tal e como se sinalou, un problema social e de saúde pública de relevancia mundial. En concreto, este estudo constitúe o primeiro traballo que analiza a violencia escolar entre iguais desde unha perspectiva socioecológica atendendo á súa relación coas variables cis-heteronormativas e etnocéntricas do profesorado. Neste sentido, o proxecto aquí proposto avanza sobre a investigación previa a dous niveis:
- Incorpora ao profesorado como elemento crave de estudo na xénese e, por tanto, na prevención, do fenómeno do bullying.
- Amplía a perspectiva individualizadora, psicolóxica e patologizadora maioritaria na análise do fenómeno, ao estudar no profesorado variables socioculturais relativas aos estereotipos de xénero, as actitudes cara á igualdade e a valoración das identidades sexuais e culturais, que se demostraron claves na análise e comprensión do fenómeno no alumnado.
O desenvolvemento desta investigación permitirá mellorar significativamente a comprensión e prevención do bullying, ao analizar por primeira vez a relación dos coñecementos, actitudes e prácticas educativas do profesorado relativas ao xénero, a diversidade sexual e cultural e o bullying, e o fenómeno dos malos tratos entre iguais experimentados polo seu alumnado, así como, de forma xeral, a convivencia no centro. Os seus resultados serán especialmente relevantes para o deseño e desenvolvemento de programas de formación do profesorado que teñan un impacto significativo na prevención da violencia escolar e a promoción da convivencia. En definitiva, contribúe non só á comprensión máis integradora da xénese do fenómeno do bullying, senón tamén á identificación de respostas educativas viables para a súa prevención.
Actividades
Análise e diagnose: Participa no estudo unha mostra representativa de profesorado e alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria a nivel autonómico e nacional, utilizando un enfoque multimétodo, a través da integración do enfoque cuantitativo e cualitativo. Na dimensión cuantitativa do estudo desenvólvese un deseño de tipo correlacional, tamén denominado ex post facto a través de enquisa por mostraxe e de carácter transversal. A dimensión cualitativa lévase a cabo a través da realización de grupos de discusión co alumnado e entrevistas semiestructuradas co profesorado. Esta dimensión do estudo constitúe un punto crave, ao permitirnos acceder a interpretacións ás cales sería imposible chegar desde outro tipo de metodoloxías, destacando, entre as súas principais vantaxes, a súa capacidade para acceder a situacións reais sen cousificar aos seus participantes, a través das súas propias voces e experiencias.
Divulgación: feedback aos centros educativos participantes e xornadas de presentación dos resultados.
Publicación científica: artigos en revistas especializadas de ámbito nacional e internacional, libros-manuais de prevención/intervención.