A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este xoves a xornada Violencia sexual na adolescencia, dende a perspectiva de xénero. A actividade buscou achegar ao público asistente coñecementos sobre como abordar a intervención e a prevención neste eido.
A xornada estivo dirixida por María José Vázquez, profesora desta facultade e membro do grupo de investigación Psicoloxía Xurídica e da Saúde: Convivencia e Benestar. Contou con financiamento da Unidade de Igualdade, das axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na Universidade de Vigo. Ademais, enmarcouse nas actividades da Cátedra Unesco Transformative Education: Science, Communication and Soceity e contou co apoio de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia).
A violencia sexual na adolescencia, explicou a responsable da actividade, é unha realidade complexa e diversa. “Tratamos un tema que está a atravesar por diferentes perspectivas: xurídico legal, sociolóxica, sexolóxica, clínica e mesmo moral”, sinala Vázquez Figueiredo, apuntando a importancia de abordalo dende miradas e sentires diversos. O traballo coa violencia sexual do adolescente remove, indica a docente, “porque interpela ao sinistro, pero tamén á fraxilidade de persoas nun momento crítico da súa formación identitaria”. Segundo detalla, as temáticas expostas nos programas de intervención con agresores sexuais adolescentes como a empatía, a resiliencia, as distorsións cognitivas, a autoestima ou a educación emocional forman parte do traballo habitual e do acompañamento destas persoas, pero “está pendente engadir a específica da violencia sexual”.
Información e debate
Neste contexto, os obxectivos da xornada foron favorecer que o alumnado se fixese unha idea xeral do concepto de violencia sexual e a súa incidencia na adolescencia; entender a sexualidade como un proceso diverso que implica o respecto á diferenza e coñecer os elementos básicos da abordaxe da educación sexual dende perspectiva de xénero, aplicada de xeito específico á prevención da violencia sexual. Igualmente, pretendeu amosar ao público asistente como empregar estratexias para a prevención e intervención en casos de violencia de xénero na adolescencia e amosar valores e actitudes de compromiso coa defensa da igualdade de xénero, de forma que se traduzan en comportamentos apropiados cara as persoas usuarias de programas nos que se traballa con violencia sexual adolescente, xa sexa no eido da intervención como da prevención.
A actividade contou coa participación de Ricardo Fandiño, que falou sobre a actualidade da violencia sexual na adolescencia dende a perspectiva de xénero. O relator é doutor pola Universidade de Vigo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda das intervencións, titulada A educación sexual vs. o paradigma pornográfico como estratexia de prevención da violencia sexual na adolescencia, correu a cargo de Vanessa Rodríguez, psicopedagoga, psicóloga e sexóloga cunha longa traxectoria na intervención educativa, terapéutica e institucional con adolescentes, profesora colaboradora da Universitat Oberta de Catalunya. Os dous pertencen a ASEIA e á Sociedade Galega de Sexoloxía e son coautores de La lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad e Ser adolescente: ¿transición o destino?.