A Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense conta cunha traxectoria de case 200 anos formando profesionais do ámbito socioeducativo e os seus principios de actuación enmárcanse na posta en valor da diversidade, a igualdade de oportunidades e o dereito á diferenza. En coherencia cos nosos valores formamos un equipo humano multidisciplinar constituído por máis de 150 traballadores (PDI, PAS) cun obxectivo común: formar profesionais preparados/as para a atención á diversidade en contextos educativos e sociais.
A diversidade de áreas que conforman o equipo docente require un esforzo importante na planificación e posta en marcha de accións de coordinación que leven ao afianzamento dunha cultura académica caracterizada pola innovación metodolóxica e o traballo cooperativo.
Alcanzar un proxecto educativo de calidade implica necesariamente a consecución dun equipo docente coordinado, cohesionado e dirixido cara a un obxectivo común: Contribuír á construción dunha sociedade máis diversa e inclusiva a través da formación de profesionais expertos en atención á diversidade, así como de investigacións que posibiliten a mellora da vida das persoas, con especial atención ás máis vulnerables.
- Accede aos perfís profesionais e investigadores
- Coñece os proxectos de investigación e transferencia nos que traballamos