Benvida/o a este espazo web da Facultade de Educación e Traballo Social a través do que queremos facilitarche unha primeira aproximación tanto ao centro, coma ás persoas que nel desenvolvemos o noso quefacer. Agardamos que neste primeiro encontro te sintas como un membro máis desta comunidade universitaria.
Animámoste a que accedas a través desta porta virtual á nosa Facultade, onde poderás atopar resposta a moitas das túas preguntas: se vas ao apartado de “Estudos”, verás as titulacións que se imparten, as materias que compoñen os seus plans formativos e as principais saídas profesionais; en “Docencia” encontrarás información sobre o profesorado, horarios, contidos das guías docentes, datas de exames…; no apartado “Estudantes” aparecen procedementos e plans de orientación para facilitar o teu paso pola facultade, cos que se quere promover un acompañamento eficaz e acaído ás túas necesidades ao longo dos diferentes cursos. E ademais da túa actividade de estudo, poderás participar en moitas outras dinámicas do centro, que se describen nos outros enlaces que se atopan na cabeceira da páxina.
Queremos ser unha Facultade en constante construcción, na que a calidade educativa e a atención á diversidade sexan a nosa marca de identidade e para iso artellamos mecanismos de participación que contribúan a trazar colectivamente os camiños a percorrer. Acumulamos case douscentos anos de experiencia na formación de docentes e uns cincuenta na formación doutros profesionais; complementamos o traballo educativo da escola e dinamizamos os servizos sociais, sempre co obxectivo de garantir os dereitos de todas as persoas, independentemente das súas circunstancias. Eis o noso Programa de Desenvolvemento Estratéxico, que podes ler no apartado de “Calidade”, no que nos propuxemos como liña prioritaria a consecución dun centro de accesibilidade universal.
Quedas convidada/o a coñecernos nesta páxina e dende aquí tamén te animamos a visitarnos persoalmente e participar connosco na mellora constante duns servizos tan esenciais como son os da educación e o benestar social.