Unhas xornadas abordan a saúde mental desde a perspectiva do traballo social crítico

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle desde este luns e ata o xoves a celebración das I Xornadas de Saúde Mental. Unha ollada desde o traballo social crítico. A cita está organizada pola Asociación Crítica Xuvenil de Estudantes de Traballo Social (Acets), posta en marcha este curso académico, e conta na súa programación con conferencias e obradoiros destinados a suscitar a reflexión sobre as problemáticas de saúde mental existentes na actualidade desde a perspectiva do traballo social.

A actividade é a primeira aberta ao público organizada pola Acets, asociación creada este curso académico por un grupo de alumnas de cuarto curso do Grao en Traballo Social do campus co obxectivo de ser “un espazo de unión e apoio mutuo entre o estudantado de Traballo Social a través do pensamento crítico”. A idea de pór en marcha esta asociación e as súas primeiras xornadas, indicaron as súas promotoras, naceu o pasado curso académico, ante a boa acollida que tiveron unhas xornadas informais organizadas por este mesmo grupo de alumnas e nas que se abordaron temas como a intelixencia emocional, a saúde mental e os ámbitos profesionais do traballo social. “Aquelas xornadas tiveron bastante éxito e quixemos levalas máis aló”, indicou a estudante Sandra Lorenzo, pondo de relevo igualmente as cifras de problemáticas de saúde mental entre o alumnado universitario. As xornadas iniciadas este luns, engadiu Antía González, “son as primeiras que convocamos” e nelas, sinalou, quérese pór o foco en como “o sistema afecta ás nosas problemáticas de saúde mental”.

Catro sesións

As I Xornadas de Saúde Mental arrancaron este luns cunha sesión sobre as consecuencias do capitalismo na saúde mental e o traballo social, a cargo da psicóloga Carla Rivas. Ela falou ao público asistente sobre “como afecta o sistema á saúde mental” e como na súa opinión se está “intentando focalizar como problemáticas individuais problemáticas que son colectivas, comunitarias”. Este discurso, engadiu, “están arrastrándonos á culpa, á frustración, á indefensión e a non poder resolvelas”. Ao longo da súa intervención expuxo conceptos e ideas de como na súa opinión se chegou a este enfoque da saúde mental na sociedade capitalista e sinalou que para o propio sistema resulta de interese “que realmente a saúde mental estea de moda” xa que, comentou, “se o focalizas como un problema individual e non colectivo paralizas a loita e levas ao inmovilismo xeral”. Por este motivo, destacou a importancia de facer unha reflexión crítica sobre este tema con xornadas como as que acolle esta semana o campus.  

Xa pola tarde, a actividade continuará cunha intervención de Juan Brea, traballador social e investigador na Universidad Complutense de Madrid, sobre Diagnóstico e etiquetado. Apuntes conceptuais para o traballo social. A programación continuará este martes, mércores e xoves con conferencias sobre as consecuencias do sistema neoliberal na relación co corpo e sobre o novo modelo de servizos sociais, os seus retos e alternativas. Tamén haberá obradoiros prácticos sobre saúde mental e sobre “axudar a medrar cando cambian os marcos”. As sesións contarán coa participación de Alba Cobo (activista e creadora de contido nas redes sociais sobre a construción do canon de beleza); Beatriz Gómez (traballadora social do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense); Alejandro García (coordinador de Programas de Prevención e Promoción da Saúde Mental en Servicio Galego de Saúde-XS Saúde Mental) e Ana Vilar (vicepresidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e vogal do consello estatal). As sesións pódense seguir de xeito virtual a través da conta en Instagram da asociación organizadora.

Ler a noticia completa no DUVI