A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense celebrou este xoves pola tarde a xornada E agora que? Horizontes profesionais para mestres/as en Educación Primaria e Infantil. A actividade tivo como obxectivo orientar ao alumnado de último curso destes dous graos sobre as opcións tanto laborais como formativas que teñen unha vez rematen os seus estudos superiores.
A xornada dividiuse en dúas mesas redondas. A primeira contou con participación de diferentes profesionais do sector educativo, a maior parte deles egresados e egresadas da facultade ourensá, que explicaron ao alumnado os posibles itinerarios profesionais que teñen, compartindo con elas e eles as súas experiencias laborais e os pasos que foron dando ata acadar os seus obxectivos. Concretamente participaron nesta mesa Marcos Antonio Fernández, mestre especialista en Educación Física, psicopedagogo e inspector de Educación; Elena Gayo, mestra da especialidade en Educación Primaria e en Educación Especial, psicopedagoga e directora do CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro; Santiago Pato, mestre na especialidade idioma estranxeiro inglés; Juan Luis Rodríguez, mestre na especialidade en Educación Infantil, psicopedagogo e orientador do Colexio Plurilingüe Divina Pastora, e Cristina Sánchez, mestra de Educación Primaria, psicopedagoga e investigadora predoutoral FPU.