Cada curso académico comezan a estudar o Grao en Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense arredor de 75 ou 85 persoas. Máis dunha trintena delas veñen de estudar o Ciclo Superior de Educación Infantil no CIFP Portovello. Tendo en conta este fluxo de alumnado, os dous centros desenvolveron este cuadrimestre unha serie de actividades destinadas a establecer unha maior colaboración entre eles e a aproximar aos seus estudantes.
“O Portovello, situado ao carón do noso campus, é un centro de formación profesional cun Ciclo Superior de Educación infantil no que se forma unha parte importante do alumnado que logo se acaba matriculando no noso Grao en Educación Infantil. O ciclo dálles a opción de ser técnicos e ao rematar queren acceder a unha profesión regulada como docentes, polo que se matriculan na nosa universidade”, explica Isabel Mociño, responsable do Grao de Educación Infantil na Facultade de Educación e Traballo Social. Atendendo a esta realidade de que a facultade “ten un índice moi alto de estudantes que pasan polo Portovello” e aproveitando a circunstancia de que hai docentes que teñen relación con dous centros, comenta a docente, este cuadrimestre quíxose dar un pulo a esta relación organizando unha serie de actividades conxuntas. “A fin de contas somos dous centros con intereses comúns”, sinala.
Traballando sobre espazos educativos, libro obxecto e inclusión
O programa de actividades que vén de concluír arrancou con varias sesións desenvolvidas con alumnado do CIFP Portovello na Aula de Recursos de Educación Infantil e Primaria da Facultade de Educación e Traballo Social, un espazo posto en marcha o pasado curso académico no campus coa vontade de ser un lugar aberto a colaboracións e iniciativas de pequeno formato para fomentar o diálogo e a transferencia entre a Universidade e entidades da contorna. O seu obxectivo foi que rapazas e rapaces do ciclo superior, que debido á pandemia non tiveran a oportunidade de realizar ningunha saída a un contexto educativo real, coñeceran o enfoque deste espazo e os seus contidos. A actividade realizouse en dúas sesións ao longo deste cuadrimestre nas que participaron varios grupos, acompañados polas profesoras do Portovello Isabel Ferreiro (tamén docente da Facultade de Educación e Traballo Social) e Fátima Paz.
Esta actividade, comenta Isabel Mociño, quixo tamén suscitar nas e nos estudantes a reflexión “sobre a necesidade de que desde a aprendizaxe vivencial dos propios docentes haxa unha ponte despois aos espazos educativos reais nos que teñen exercer. Primeiro teñen que vivenciar eles e elas e experimentar co propio material e coas súas potencialidades, para logo tamén levalo á infancia e crear ambientes educativos e alfabetizadores estimulantes”. Para acadalo, alén de coñecer os materiais e filosofía de traballo desta aula de recursos, as e os estudantes realizaron “unha actividade destinada a abrirlles novos enfoques ou novas perspectivas arredor dos materiais docentes, en particular a partir das lecturas emerxentes e dos libros obxecto”. Como futuras e futuros técnicos que traballarán en escolas de educación infantil, explica a tamén vicedecana de Educación, a acción centrouse en afondar “neses libros que nenas e nenos exploran desde que nacen, primeiro de tea e doutros materiais brandos, e cos que experimentan a través dos sentidos, que os ven, olen, tocan…” buscando a reflexión “sobre como desde que nace unha crianza está exposta a recursos educativos, en particular libros, que están configurando xa o seu universo”.
Como peche a esta programación conxunta, alumnado do CIFP Portovello, neste caso tanto o do seu Ciclo Superior de Educación Infantil como do de Integración Social, asistiu á proxección do documental Quererla es crearla, de Cecilia Barriga, que “aborda o sentido profundamente humano da educación inclusiva e a necesidade de xerar un movemento social que a faga realidade”. “Rematamos o cuadrimestre con este documental sobre a diversidade, unha peza que nos cederon para poder visualizar, e asociada a materiais didácticos cos que poder traballar este tema na aula desde un punto de vista reflexivo e crítico”, explica Isabel Mociño. Tratouse, apunta, dun audiovisual e dunha sesión “moi interesante para todas as persoas que traballamos coa infancia”.
A resposta do alumnado a esta programación, sinala por último Isabel Mociñio, foi “moi boa”, destacando “a súa participación e o interese amosado”. As actividades, indicou, foron para as e os estudantes “unha oportunidade para abrirse a unha perspectiva nova e coñecer recursos con potencialidade para o que fan ou o que farán no seu futuro profesional”. Por estes bos resultados, a pretensión da Facultade de Educación e Traballo Social, comenta a vicedecana, é darlle continuidade o seguinte cuadrimestre a esta relación co CIFP Portovello e afianzar a súa participación en actividades da facultade, como no seu Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil.