Un dos maiores desexos e satisfaccións para o alumnado universitario é poder desenvolver nun contexto real os seus proxectos, ideas ou coñecementos. Atendendo a esta premisa, estudantes de terceiro curso do Grao en Educación Infantil da Facultade de Educación e Traballo Social puxeron en práctica durante os meses de novembro e decembro os seus proxectos musicais na Escola Infantil Concepción Saiz Otero do campus de Ourense.
A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Expresión Musical e a súa Didáctica baixo a docencia da profesora Lucía Casal, pertencente á Área de Didáctica da Expresión Musical da UVigo. “Tratouse dunha actividade de música para bebés de cero a tres anos. En base a unhas pautas explicadas e establecidas previamente nas aulas regulares da materia, o alumnado universitario participante tivo que preparar unha actividade musical para ser ensaiada e perfeccionada en clase, co fin de implementala con posterioridade na propia escola infantil”, comenta a docente. Así, as actividades deseñadas foron levadas á práctica posteriormente en diferentes sesións musicais realizadas na escola infantil do campus.