O Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social (PDE-FETS) é froito dunha reflexión colectiva, que se asenta nas súas raíces e identidade para deseñar unha proposta formativa sostible, humanista e en estreita conexión coa contorna. O marco de referencia que serviu como punto de partida foi o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo (aprobado polo Claustro o 16 de decembro de 2020), no cal se define “a nosa Universidade como unha institución pública, autónoma, aberta á contorna e con vocación internacional, que promove a igualdade, a pluralidade, a accesibilidade, a sostenibilidade, a transparencia, o progreso económico e o benestar social de Galicia.” Así, a Facultade de Educación e Traballo Social pretende contribuír á consecución da misión da Universidade enfocando as súas liñas estratéxicas e obxectivos cara aos retos da nosa institución.