Enténdese como avaliación por compensación o mecanismo polo que se avalía no seu conxunto a traxectoria académica e o labor realizado polo estudantado ao final dos seus estudos para determinar se acadou os coñecementos e competencias suficientes para obter a titulación académica á que opta, compensando materias que non teña superadas ou os créditos sen cursar.

Requisitos para admitir a trámite as solicitudes

Poderá solicitarse a avaliación por compensación cando se cumpran os seguintes requisitos:

  1. Que cando menos o 50% dos créditos da titulación foran cursados na Universidade de Vigo.
  2. Que resten para graduarse un máximo de dúas materias que non superen entrambas os 12 créditos, agás o TFG.
  3. Que o/a estudante esgotara na(s) materia(s) na(s) que solicita a avaliación por compensación cando menos tres oportunidades de avaliación e que a cualificación obtida non fora inferior a 1 ou non avaliado en ningunha das tres oportunidades.

 

Limitacións na resolución da avaliación por compensación

  1. Non serán obxecto de compensación o traballo de fin de grao, as prácticas e o prácticum, nin materias do curso de adaptación ao grao (curso ponte).
  2. O número máximo de créditos que se poderá conceder por avaliación por compensación na vida académica do alumnado será de 12.
  3. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a unha/un estudante que non estea matriculado na(s) materia(s) a compensar no momento de solicitar a avaliación por compensación.
  4. As materias compensadas non poderán ser obxecto de recoñecemento noutras titulacións da Universidade de Vigo.
  5. Non se lle poderá conceder a avaliación por compensación a un/unha estudante ao/á que lle conste algunha sanción grave no seu expediente académico.

 

Criterios de resolución da avaliación por compensación

Concederase o apto por compensación da(s) materia(s) solicitada(s) tras a constatación do cumprimento de todos os requisitos e das limitacións previas, e sempre que o/a estudante se encontre en polo menos un dos seguintes supostos:

  1. Que obtivese polo menos unha vez unha cualificación igual ou superior a 3’5 na(s) materia(s) a compensar.
  2. Que a media do seu expediente sexa igual ou superior á nota media da súa titulación na última promoción con dereito a docencia.

No caso de que o/a solicitante non se encontre en ningún destes supostos ou curse unha titulación que dea acceso a unha profesión regulada pero reúna todos e cada un dos requisitos necesarios, a solicitude será admitida a trámite para que a valore a comisión de compensación.

A solicitude de avaliación por compensación irá dirixida, por medio dunha instancia da/ o estudante, á dirección do centro de adscrición da materia. Esta poderá realizarse en cada periodo de avaliación dende a data de apertura de actas ata quince días hábiles despois do peche de entrega das mesmas.