A Facultade de Educación e Traballo Social do Campus de Ourense conta cunha dilatada traxectoria formando profesionais do ámbito socioeducativo e ten entre os seus principios reitores a procura da excelencia, a atención á diversidade, a igualdade de oportunidades e o dereito á diferenza, tal como se remarca no seu Programa de Desenvolvemento Estratéxico (PDE_FETS). Entre estes valores, destaca a defensa e normalización da lingua galega, que sempre foi marca de identidade da nosa Facultade, tal como se recolle no noso PDE_FETS, recentemente aprobado:
“A Escola Normal de Ourense, única institución de educación superior durante décadas, foi un centro de referencia para a promoción cultural e profesional do alumnado procedente do medio rural, en particular, das mulleres. Cando as condicións políticas e sociais o permitiron, o patrimonio natural e cultural galego foi incorporado á práctica académica, nunha clara aposta pola identidade, a diversidade, a igualdade e a coeducación.”
Así, moito do profesorado que formou parte da Facultade ao longo dos anos participou en Movementos de Renovación Pedagóxica, estreitamente vinculados coa defensa da lingua galega, tales como os colectivos Nova Escola Galega, Asociación Sociopedagóxica Galego-Portuguesa, Asociación Galega da Lingua, Instituto Sociopedagóxico Galego ou Ponte nas Ondas.
Esta defensa e fomento da lingua galega desde as nosas orixes mantense na actualidade, como demostra a constante presenza do galego na vida diaria e na comunicación da Facultade, tanto a nivel interno como externo, na nosa proxección cara á sociedade e nas relacións institucionais.
De aí que teñamos en marcha un plan de galeguización desde o curso 19-20, que ten como obxectivo empregar o galego como lingua vehicular no 80% da docencia. A formación en galego do noso alumnado e a súa sensibilización lingüística resulta fundamental, xa que van ser profesionais que traballen con crianzas e con persoas en situación de vulnerabilidade, cuxa principal ferramenta vai ser a palabra.
A Facultade de Educación e Traballo Social foi a primeira da Universidade de Vigo en recibir o Distintivo de galeguización, Gal Ego, no curso 2023/2024, como recoñecemento ao seu labor para incentivar o uso da lingua galega.
Memoria do distintivo Gal-Ego 2023/2024