O Auditorio Municipal de Ourense foi o escenario este sábado do acto de graduación de catro novas promocións da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. 256 novos egresados e egresadas dos graos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social celebraron con familiares, amigos e membros da comunidade universitaria o remate con éxito da súa formación superior.
María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, e Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, acompañaron, entre outras autoridades, ás novas promocións na súa celebración. En primeiro lugar festexaron o remate dos seus estudos as VII promocións do Grao en Educación Infantil, formada por 68 persoas, e do Grao en Educación Primaria, composta por 76 estudantes. Os padriños e madriñas foron as e os profesores do centro Julia de la Montaña, Xosé Constenla, Isabel Mociño e Hipólito Puente. Aos futuros mestres e mestras, Mar García subliñoulles como “toca asumir importantes retos para afrontar con éxito a educación das nenas e nenos, que teñen dereito a desenvolver ao máximo o seu potencial como persoas que formarán parte dunha sociedade complexa, global e multicultural”.