Arredor de 300 persoas déronse cita este xoves no campus de Ourense para participar nos III Encontros sobre A educación dende o compromiso co territorio. Se na súa primeira edición a temática elixida foi o exemplo da vila de Óbidos, en Portugal, e na segunda o traballo dos centros de desenvolvemento rural nesta terceira edición o foco trasladouse ás urbes, facendo un achegamento a Pontevedra como exemplo de cidade educadora tanto da man das súas institucións como de axentes sociais.
Os encontros, que están organizados pola Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense e o CIFP Portovello, da mesma cidade, tiveron un anticipo o pasado 28 de marzo cunha conferencia de Jaume Trilla, que presentou o seu último libro La moda reaccionaria en educación, e este xoves celebraron no campus de Ourense a súa actividade principal, as xornadas de encontro. Esta sesión foi deseñada, segundo explicaron os seus responsables, para coñecer a transformación de Pontevedra tanto desde “o punto de vista de quen tivo a idea como de quen a vive no día a día”. Así, a actividade contou cunha intervención de Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e cunha mesa redonda na que distintos colectivos desa cidade explicaron a súa vivencia do modelo creado.