Este xoves celébranse no campus de Ourense as XXII Xornadas Interxeracionais. Nelas, máis de 150 persoas de idades, capacidades e orixes moi diversas conviven e estreitan os seus lazos compartindo actividades de ocio, principalmente xogos. A cita está organizada como cada ano por alumnado do Grao de Educación Social da Facultade de Educación e Traballo Social e Ategal (Formación Permanente e Ocio para Persoas Adultas), contando co apoio da citada facultade.
Ao longo deste curso académico, máis de medio centenar de estudantes de primeiro e segundo curso do citado Grao de Educación Social traballaron na organización da actividade no marco da materia Educación permanente, impartida polo educador social Millán Brea. O docente subliña o bo traballo feito polo alumnado implicado nesta iniciativa e pon en valor a dilatada traxectoria de máis de dúas décadas destas Xornadas Interxeracionais. “Nacemos fai 22 anos para xogar e iso séguese mantendo, coa dinámica inicial de que todas e todos estamos aquí para aprender, e no caso do alumnado, para medrar como futuros educadores e educadoras sociais que son”, sinala Millán Brea.
Compartir experiencias e fortalecer lazos
Pola súa banda, o alumnado universitario participante afronta o reto de levar a cabo estas xornadas como “unha oportunidade para compartir experiencias, fortalecer lazos entre xeracións e fomentar a participación social a través de diferentes actividades”. Elas e eles son os encargados de este xoves guiar todo o desenvolvemento das xornadas e de cada xogo. No seu nome, Adrián Castro, alumno de primeiro curso de Educación Social, destaca “a emoción de crear algo diferente das activades que se fan habitualmente”, facendo fincapé na diversidade, especialmente en idades, das persoas que participan. Trátase, apuntou, “de plantar esa semente da convivencia” tendo en conta que “sempre se empeza desde nada para crear algo”.
Nesta edición de 2025 participan 150 persoas entre as que están alumnado universitario, estudantes de ciclos superiores de formación profesional do eido social e membros de asociacións como Down Ourense, Provivenda e ACCEM, centrada esta última en persoas inmigrantes e refuxiadas. Coa programación proposta nas xornadas, explican desde a súa organización, búscase rachar dun xeito lúdico as barreiras presentes no día a día na sociedade entre os diferentes colectivos, sobre todo as referidas á idade, ao mesmo tempo que o alumnado universitario fórmase de xeito práctico en competencias necesarias para o seu futuro profesional.
A programación arrancou como cada ano na Praza Maior de Ourense, onde os primeiros grupos participantes achegáronse para quecer motores con diferentes xogos conxuntos e para ler o manifesto que cada ano realizan nestas xornadas. De seguido a actividade trasladouse ao pavillón de deportes do campus, onde ao longo da mañá o alumnado de Educación Social preparou e desenvolveu diferentes xogos para compartir coas persoas asistentes. Tras unha comida campestre conxunta, pola tarde, serán as persoas maiores de Ategal as que guiarán ás e aos participantes en xogos de mesa que elas e eles aprenderon ao longo da súa vida, especialmente nos anos 50, 60 e 70 do século pasado. Despois dun longo día de actividade, a programación rematará cunha merenda conxunta.