Premiando o traballo de preto de 150 alumnas e alumnos excelentes, facendo unha firme defensa da universidade pública, repasando os principais logros acadados en 2019 e botando a ollada aos retos aos que se enfrontará a institución nos vindeiro anos. Así celebrou este martes a Universidade de Vigo o seu patrón, San Tomé de Aquino, unha celebración que este ano serve tamén para inaugurar as celebracións do 30 aniversario dunha institución que, como salientou o reitor, Manuel Reigosa, se sente orgullosa do traballo realizado e comprometida cos retos aos que se enfrontará nos vindeiro anos, desafíos entre os que o reitor situou a captación de novo alumnado, tanto a nivel nacional como internacional; a renovación do cadro de docentes, pensando sobre todo na fichaxe de talento feminino, e a aposta decidida pola igualdade.
Nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e coa participación de numerosas autoridades académicas e políticas, entre elas a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, entregáronse en total 23 premios extraordinarios de doutoramento, 45 premios extraordinarios de grao, 60 premios de excelencia para o estudantado que comezou neste curso os seus estudos universitarios e 15 para os que comezaron un mestrado, así como seis premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e máster.