O feminismo inteseccional na intervención social centra unhas xornadas na Facultade de Educación e Traballo Social

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da xornada Feminismos inteseccionais: coidados, diversidade e ruralidade. Coordinada pola profesora de Socioloxía Iria Vázquez e financiada pola Unidade de Igualdade da UVigo, a actividade contou coas conferencias Mulleres, coidados e diversidade, de Ana Martínez, traballadora social na cooperativa A Morada, e Unha ollada rural aos feminismos, de Araceli Macías García, educadora social en Outonía.

A visión desde a experiencia

“A interseccionalidade foi aplicada nas ciencias sociais pola avogada afroamericana Kimberlé Crenshaw en 1989; a través deste concepto pódese avaliar as interaccións e interseccións dos distintos sistemas de opresión, destacando as consecuencias destes nos dereitos das mulleres”, comentou Iria Vázquez. Neste contexto, engadiu, “o obxectivo destas xornadas foi presentar o traballo que  realizan dúas cooperativas sociais, reivindicando o enfoque interseccional na intervención social”.

Deste xeito, a coordinadora da actividade sinalo que a traballadora social Ana Martínez González, da cooperativa A Morada de Vigo, expuxo “a necesidade de pensar os coidados desde a xustiza e o seu reparto equitativo, lonxe de sacrificios e abnegacións que aínda hoxe permean esta realidade na nosa sociedade”. Tamén abordou diversos proxectos en marcha na Morada, como os grupos de mulleres con diversidade funcional. Na súa intervención falouse de como a interseccionalidade entre xénero e diversidade funcional devén en violencias específicas con diversos factores determinantes como: a falta de intimidade, de educación sexual, de credibilidade, de illamento, etc.

Por outra banda, Araceli Macías García, educadora social que forma parte da cooperativa Outonía no interior das provincias de Lugo e Ourense, falou da “necesidade de rachar cos mitos e estereotipos que rodean as mulleres do eido rural, denunciando a discriminación simbólica que sofren as persoas, e particularmente, as mulleres, no medio rural”, segundo explicou Iria Vázquez. A relatora falou, en plural, da “necesidade de vincularnos cos feminismos comunitarios, que poñan o territorio como eixe vertebrador das súas reivindicacións”. A súa entidade posúe unha liña de traballo sobre igualdade que busca “contribuír ao cambio de ollada cara unha ética dos coidados e o bo trato” e entre outras actividades realizan proxectos de coeducación, iniciativas participativas para mulleres maiores das zonas rurais ou implementación de proxectos para a prevención das violencias machistas.

Ler a noticia completa no DUVI