A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu este xoves unha charla informativa sobre o acceso ao ensino público. Membros da rama de ensino de CSIF, Central Sindical Independente e de Funcionarios, achegáronse ao centro para explicar en detalle ao alumnado dos graos de Educación Infantil e Primaria todas as claves que terán que ter en conta cando nun futuro non moi afastado se convertan en opositores ou opositoras ao ensino público.
Gabriel Prada e José Carlos Fernández arrancaron a súa charla explicando o proceso das oposicións para ser mestra ou mestre, desde a normativa, o sistema de matrícula e as fases de concurso ata os temarios, probas prácticas e programación didáctica. Tamén detallaron ao alumnado presente como conseguir puntos para o baremo de méritos, os diferentes tipos de contratos que poden ter e as características das listas de substitución e as de contratación.