Benposta, lembra Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, “sempre foi para nós un referente pedagóxico” que aínda que en Ourense non ten continuidade si a ten en países a onde se expandiu este proxecto ourensán a partir dos anos 70 do século pasado. Alumnado do centro, concretamente do Grao de Educación Social, terá a oportunidade o vindeiro curso académico de facer as súas prácticas nun deste lugares onde a semente de Benposta agromou, como é Bogotá, a capital de Colombia.
A iniciativa é froito dos espazos de comunicación abertos nos últimos anos entre a facultade ourensá e Benposta Nación de Muchachos de Colombia e que ten materializado en accións como a visita do seu coordinador xeral, o ourensán José Luis Campo Rodicio, para participar en diferentes actos no campus de Ourense, como a presentación do documental La operación Berlín: la niñez que peleó la guerra en Colombia. Para dar marco a este interese común en estreitar lazos de colaboración, explica Xosé Manuel Cid, asinouse un convenio de colaboración entre a UVigo e a entidade colombiana que se desenvolve agora cun acordo para a realización de prácticas de alumnado, estando previsto para setembro a primeira desas prácticas. Para detallar esta liña de cooperación, José Luis Campo Rodicio visitou recentemente o campus de Ourense.
Segundo destaca Xosé Manuel Cid, “na nosa conexión coa sociedade pois unha das institucións coa que máis orgullosos estamos de relacionarnos é con Benposta, non tanto pola cantidade de cousas que poidamos facer, que ao mellor non son moitas, pero si por ser unha institución nacida en Ourense e que segue viva en países nos que desempeña un papel fundamental en procesos de paz e de dereitos da infancia e dereitos humanos en xeral”. Sobre a posta en marcha do acordo asinado, o responsable académico sinala que “eu creo que é un proxecto moi interesante” que permitirá ao alumnado participante non só moverse internacionalmente senón tamén participar “dunha experiencia de pedagoxía social moi rica, onde tanta infancia, grazas a Benposta, está vendo respectados os seus dereitos en países onde corren riscos”. Nun país “atravesado por conflitos desde hai moito tempo”, apunta Xosé Manuel Cid, “Colombia agora ten grandes esperanzas no proceso de paz, nos que participa Benposta”. Alén da posta en marcha da colaboración académica, o decano apunta o interese común en afondar tamén na liña de investigación arredor de Benposta, lembrando como na facultade ourensá xa se ten elaborado e presentado unha tese de doutoramento sobre ela.
Enriquecemento mutuo
Na súa visita ao campus para pechar esta liña de colaboración, José Luis Campo amosou a súa satisfacción pola posta en marcha desta iniciativa. En Ourense, lembrou, ingresou na que entón era a Ciudad de los Muchachos na súa sede na rúa Progreso “e entrei en todo ese mundo fantástico do autogoberno, a participación e o servizo que nos incluía a nenos e nenas”, para logo continuar estudando Filosofía e Teoloxía en Salamanca e logo fundar en Colombia Benposta, onde leva 49 anos traballando. O alumnado da UVigo que realice as súas prácticas en Benposta Nación de Muchachos, indicou o seu responsable, vivirá e desenvolverá a súa aprendizaxe na súa sede en Bogotá. Alí na actualidade convive unha comunidade educativa de 110 rapazas e rapaces entre 10 e 18 anos que non poden permanecer nos seus territorios por distintas situacións relacionadas co conflito en Colombia.
Hai tres ou catro anos, comentou o coordinador xeral de Benposta en Colombia, a súa entidade comezou a ter un achegamento con distintas universidades europeas e a recibir estudantes en prácticas, liña que agora dá un paso máis coa incorporación da UVigo. Froito desta experiencia previa, José Luis Campo recalcou que as prácticas en Benposta destes estudantes supón “un enriquecemento mutuo” que crea un vínculo que se mantén unha vez rematada a estadía. “En Colombia hai un problema serio de exclusión social. Hai unha guerra interna de máis de 60 anos que non se ten logrado resolver, e iso ten un impacto moi forte en nenas e nenos”, comentou José Luis Campo indicando neste senso como moitos das e dos rapaces que viven na sede de Benposta “teñen unha historia de vida moi dura”. Neste contexto, sinalou que na sede en Bogotá desenvolven unha pedagoxía que reivindica os dereitos de nenos e nenas como suxeitos e non obxectos na aprendizaxe. Todos estes aspectos, apuntou, poden ser de moito interese para a formación das e dos futuros educadores sociais que alí realicen as súas prácticas.