A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebra os seus 25 anos de historia cun mes de actividades. A programación arranca este mércores coa inauguración dunha exposición sobre os dereitos da infancia na obra de Francesco Tonucci, unha conferencia do pedagogo António Nóvoa e unha intervención artística colectiva. Ao longo das vindeiras semanas o centro desenvolverá diferentes iniciativas que terán como obxectivo lembrar e homenaxear a súa traxectoria e debater sobre os desafíos actuais da educación e da intervención social.
O centro, explica Isabel Mociño, a súa actual decana, naceu en 2001 co nome de Facultade de Ciencias da Educación e reuniu nun mesmo centro os estudos de Maxisterio, Educación Social, Traballo Social e Psicopedagoxía. Nela confluíron a tradición das Escolas Normais ourensás, que se remonta ao século XIX, e a dos estudos de Ciencias da Educación, implantados no Colexio Universitario de Ourense en 1974. En 2020, o centro adoptou a denominación actual "para dar maior visibilidade ao Traballo Social" e hoxe en día imparte os graos en Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social e Traballo Social.



