A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este luns a celebración de dúas xornadas destinadas a formar ao seu alumnado na atención de dous colectivos específicos. A primeira delas centrouse no acompañamento socioeducativo e corresponsabilidade social con familias monomarentais e a segunda na protección das infancias e as adolescencias, a través dunha aproximación dende a psicoloxía básica.
No salón de graos Vicente Risco celebrouse a xornada Acompañamento socioeducativo e corresponsabilidade social con familias monomarentais. A actividade contou coa participación de Fagamos (Asociación de Familias Monomarentais de Galicia) e incluíu a posta a disposición da comunidade universitaria dun punto de asesoramento sobre corresponsabilidade que estivo situado na entrada da facultade. Na apertura da xornada, que contou co saúdo de Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, Deibe Fernández Simo, vicedecano do centro, destacou a necesidade de, con iniciativas coma esta, visibilizar as dificultades que afrontan as familias monomarentais, cuxo núcleo familiar está composto por un único proxenitor ou proxenitora e os fillos e fillas ao seu cargo.



