A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres o encontro anual da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, unha rede colaborativa que conecta en Galicia o eido académico e universitario para desenvolver iniciativas sociais, colectivos e proxectos de sostibilidade e xustiza no medio rural.
A cita levou por título Escoitando comunidades que se coidan: VII encontro arredor do rural e estivo organizada por dúas entidades promotoras da citada rede, o Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (Gets-it) da Universidade de Vigo e o GI-Esculca, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais contaron co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria da Universidade de Vigo. A coordinación recaeu por parte da UVigo en Iria Vázquez e por parte da USC en Cristina Varela e David García.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para a terceira edición das Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que este xoves se celebraron no campus de Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia de arredor de 90 profesionais e alumnado das tres universidades públicas galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias para debater e avanzar sobre o papel da educación nos procesos de reinserción.
A Rede Galega de Educación en Prisión (Regaep) é unha rede constituída en 2021 que agrupa a entidades sociais e académicas que traballan no ámbito socioeducativo con persoas privadas de liberdade nos cinco centros penintenciarios e nos dous centros de inserción social de Galicia. As súas xornadas, nas que colaboran diferentes entidades relacionadas co sector (algunhas delas tamén membros da propia rede) e as tres universidades públicas galegas, constitúen un punto de encontro periódico no que diferentes actores poden expor as súas experiencias, traballos e coñecementos, dialogar entre eles e contribuír ao avance neste eido.
Medo me dá! Ler para esconxurar as sombras. Este é o lema dunha nova edición Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que este mes de outubro acollerá a Facultade de Educación e Traballo Social. Ao longo de catro sesións, as e os escritores Paula Carballeira, Xosé Miranda, Ramón D. Veiga e Fina Casalderrey falarán no campus de Ourense da literatura como ferramenta para, desde o humor, axudar a nenas e nenos a afrontar os medos, as inseguridades e as incertezas da vida.
A actividade está organiza polas profesoras do centro Isabel Mociño, Carla Míguez, María Cerdeira e María Vázquez. Conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e do Campus Auga (proxecto de especialización financiado pola Xunta de Galicia); da Facultade de Educación e Traballo Social e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua, colaborando esta última ao abeiro do convenio que ten coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O ciclo mantén o seu obxectivo inicial de ofrecer unha actividade formativa que complemente o currículo formativo das futuras mestras e mestres que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, propiciando o seu contacto directo con creadoras e creadores en lingua galega. As sesións celebraranse cada xoves do mes de outubro, sempre ás 18.00 h, na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro. A inscrición é de balde e está en trámite o recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección. Aínda que especialmente pensada para o alumnado dos graos de Educación Infantil e de Educación Primaria que se imparten no campus, a iniciativa está tamén aberta a outros colectivos e públicos que poidan estar interesados, como poden ser mestras e metres en activo.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia presentaron este martes o novo Programa de mentoría investigadora de profesorado universitario xubilado con profesionais da educación social. A iniciativa busca activar unha rede baseada na colaboración interxeracional e na transferencia de coñecemento para avanzar no corpus teórico desta profesión.
A presentación contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Mociño e Deibe Fernández Simo, decana e vicedecano respectivamente da Facultade de Educación e Traballo Social, e Sonia González, presidenta do Colexio Profesional de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia. No acto, a vicerreitora subliñou os beneficios da mentoría e amosou o seu desexo de que esta iniciativa sexa un éxito que se poida replicar e escalar noutros centros do campus. Pola súa banda, Isabel Mociño indicou que a actividade forma parte do compromiso estratéxico da facultade de conexión coa contorna e apuntou que o programa nace tanto do respecto ao talento forxado nas aulas universitarias como da necesidade de xerar coñecemento entre a academia e a profesión, neste caso desde o “acompañamento, o respecto a aprendizaxe mutua” no ámbito da educación social.
- Dous proxectos de Educación e Traballo Social analizan os libros e prácticas lectoras na etapa de Infantil
- O Xurés será en setembro punto de encontro internacional da educación social
- A Facultade de Educación e Traballo Social pon en marcha un programa universitario de liderado social
- Alumnas de Educación Social, premiadas no programa estatal de prevención de adiccións Tu Punto