Un día para a convivencia sen barreiras sociais

150 persoas con idades e capacidades moi diversas pero coas mesmas ganas de divertirse déronse cita este xoves pola mañá na Praza Maior de Ourense para participar nas XVI Xornadas Interxeracionais. Ao longo de todo o día, a convivencia, o xogo e a música permitirán a persoas maiores, alumnado universitario, escolares e persoas con diversidade funcional compartir unha xornada diferente na que as barreiras sociais desaparecen.

Múltiples aspectos positivos

A cita está organizada por alumnas e alumnos de primeiro e segundo curso do Grao en Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, co apoio do centro, da Vicerreitoría do Campus de Ourense e de Ategal, a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos. Desde a organización salientaron no inicio da actividade como a cita é froito do esforzo de arredor de 70 estudantes do centro, que ao longo de todo o curso académico traballaron na preparación dunha actividade que conseguiu reunir a alumnado universitario, escolares, membros de Ategal e persoas con diversidade funcional de varias entidades de Ourense. Fátima Foade, Sonia Leiro e Tania Gándara destacaron en nome do alumnado organizador o interese destas xornadas polo que supón “a convivencia sen barreiras durante un día de colectivos moi diversos”. Tamén recalcaron como esta iniciativa conseguiu celebrarse durante 16 anos “pasando a súa organización ano tras ano entre o alumnado” e o feito de que grazas ao traballo que realizan ao longo do curso na súa preparación desenvolven aspectos como “a responsabilidade e o traballo en equipo” nun eido no que no futuro traballarán como educadoras e educadores sociais.

Ler a noticia completa no DUVI