O profesor da Área de Teoría e Historia da Educación Xosé Manuel Cid continuará tres anos máis como decano da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. A súa candidatura, a única presentada ás eleccións, acadou 38 votos a favor, dous en contra e dous en branco na votación de xunta de centro celebrada este xoves.
O equipo decanal que acompañará a Xosé Manuel Cid neste segundo mandato é de total continuidade co primeiro, manténdose como vicedecanas e vicedecano Pino Díaz (Calidade); Ana Mª Iglesias (Educación Primaria e Normalización Lingüística); Isabel Mociño (Educación Infantil e Extensión Universitaria) e Francisco Javier Aguiar (Traballo Social e Sostibilidade), e como secretaria Raquel María Iglesias. Nel, indicou, “están representadas áreas e titulacións diversas que se imparten no centro” e permitirá “dar continuidade aos proxectos iniciados”.
Detrás deste equipo ou sobre a súa base, subliñou Xosé Manuel Cid no seu discurso ante a xunta de centro, “levántase toda a estrutura de coordinación” da facultade, con preto de 50 docentes “botando unha man nalgunha área de funcionamento harmónico da facultade: títulos, cursos, practicum, TFG, Erasmus, Pat, innovación, captación, seguimento de calidade, comisións de validacións e por suposto a equipa de representantes do alumnado”. A todas e todos eles, o decano quixo darlle as grazas “por facer levadeiro o goberno desta facultade” e polo traballo realizado.
Liñas de traballo
Tendo como referente o plan estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social recentemente aprobado, Cid apuntou as liñas de traballo que a curto e medio prazo se propoñen. A primeira delas, indicou, será “multiplicar esforzos para atraer a Ourense alumnado moi interesado nos nosos títulos, poñendo en valor as potencialidades da facultade, do campus e da cidade”. O obxectivo é, sinalou, “que a sociedade perciba que as titulacións da nosa facultade teñen un nivel equiparable a calquera outra universidade pública e que sempre somos unha mellor opción que a privada”. Igualmente indicou que o centro “buscará a forma de atraer estudantes de fóra” e terá “a ollada posta noutros países en que se cursan as nosas titulacións, recuperando convenios que estes anos non se activaron e abrindo novos destinos en universidades que compartan modelo de estudo co noso”.
Outras liñas de traballo propostas diríxense a “afondar na adaptación dos títulos á realidade galega e á nosa propia historia como institución (idioma, cultura, escola rural, convenios, cooperación con ex-docentes e ex-estudantes, etc)” e “consolidar os pasos dados no compromiso coa lingua e a cultura galega, coa igualdade e cun mundo máis sostible” e “traballar por un centro máis accesible, tendo en conta toda a diversidade de persoas que poden acceder ás nosas instalacións e cursar os distintos graos e mestrados”.
No seu discurso, o decano tamén lembrou o compromiso con “non deixar de insistir en que as ratios de postos de persoal de administración e servizos nas RPT con respecto ao volume de traballo desta facultade son claramente discriminatorias e sobrecargan ao persoal, dificultando o seu labor”. Do mesmo xeito falou do interese en “dar continuidade ao proceso sistemático iniciado de formación permanente do persoal docente e investigador, así como de actividades científicas e culturais abertas a toda a comunidade, en especial a profesionais dos ámbitos que abranguen as nosas titulacións”.
Xosé Manuel Cid tamén puxo como reto para este segundo mandato “mellorar os recursos e infraestruturas, aproveitando a enerxía limpa que se instalou, pero pedindo que se regulen mellor as temperaturas en moitas salas do edificio, así como a apertura de ventás nos espazos que aínda non temos”. Aproveitar todos os esforzos que se fan en calidade para que se fagan visibles as melloras “e non quedar en simple burocracia” e “retomar a coordinación a nivel estatal na conferencia de decanas, neste momento no que se están a debater moitos temas relativos á reforma educativa, ao recoñecemento de novos dereitos e as conseguintes demandas na formación inicial” son outros dos obxectivo propostos. “Coa axuda de todos e todas, avanzaremos na mellor dirección”, afirmou o decano.