Quero darche a benvida ao espazo web da Facultade de Educación e Traballo Social, unha primeira porta de acceso ao noso centro e ás persoas que traballamos nel. Aquí poderás entrar a coñecernos e sentirte como un membro máis desta comunidade universitaria.

Neste primeiro acercamento á Facultade poderás encontrar respostas a moitas das túas preguntas. Accedendo ao apartado de “Estudos” poderás ver que titulacións se imparten, que materias compoñen os plans formativos e as súas saídas profesionais. En “Docencia” encontrarás máis detalles do profesorado, horarios, contidos das guías docentes, datas de exames… No apartado de “Estudantes” resáltanse algúns dos procedementos máis importantes no teu paso pola facultade e os servizos e accións que se realizan, para que poidas sentirte dentro da vida diaria da mesma.

Ademais da túa actividade de estudo, poderás participar en moitas outras dinámicas do centro, que se describen nos outros enlaces que se atopan na cabeceira da páxina.

Queremos ser unha Facultade construída permanentemente entre todos e todas, artellando diversos mecanismos de participación para trazar colectivamente os camiños a percorrer. Tendo en conta os pasos xa dados en case douscentos anos de experiencia na formación de profesorado e uns cincuenta na formación doutros profesionais, complementamos o traballo educativo da escola e dinamizamos os servizos sociais, coa mirada posta na loita por garantir os dereitos de todas as persoas, independentemente das súas circunstancias.

Ese feito de ir mais aló da obtención dun título farannos avanzar cada vez máis na consecución dunha oferta formativa de calidade, co obxectivo de ter cada vez maior utilidade para a comunidade da que formamos parte.

Quedas convidada/o a viaxar por esta páxina, visitarnos persoalmente e mergullarte connosco na mellora constante duns servizos tan esenciais como son os da educación e o benestar social.