O día 21 de marzo conmemórase cada ano o Día Mundial do Traballo Social. Co gallo desta efeméride e uníndose a ela, o Grao de Traballo Social, que se imparte na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, celebra esta semana e a que vén unhas xornadas na que alumnado e profesorado universitario xunto a profesionais do sector e membros da comunidade comparten experiencias, reflexións e aprendizaxes arredor do traballo social.
Coa premisa de que “coa acción social conxunta contribuímos a transformar o mundo”, a programación está deseñada e organizada desde o vicedecanato e a coordinación do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social ourensá en colaboración coa Asociación Crítica de Estudantes de Traballo Social da UVigo. O lema elixido para estas xornadas é o mesmo que o escollido para a celebración internacional deste Día Mundial do Traballo Social, que é Respectando a diversidade a través da acción social conxunta. Aínda que especialmente dirixidas ao alumnado, profesorado e profesionais do eido do Traballo Social, as actividades propostas están abertas á asistencia das persoas interesadas.
Experiencias e aprendizaxes
A primeira das sesións tivo lugar esta semana no edificio Politécnico do campus e consistiu na celebración o día 21 dunha mesa de experiencias de intervención dende o traballo social grupal e comunitario e desde unha perspectiva feminista. María Xosé Vázquez (do Sergas) falou sobre desigualdade na atención da saúde das mulleres; Beatriz Gómez (tamén do Sergas) sobre saúde mental e intervención infantoxuvenil hospitalaria e Antía Pousa (Cooperativa Xeracción. Proxecto Enredadas) sobre mulleres vítimas de violencias machistas. Ademais, Emilia Martínez (Sergas) falou sobre mulleres e coidados a persoas dependentes e Rocío Taboada (da Asociación Española contra o Cancro en Ourense) sobre mulleres con cancro. Cada unha delas falou desde a súa experiencia e traxectoria profesional nos temas abordados, resultando, segundo indican desde a organización da sesión, “un acto moi participativo no que puidemos compartir experiencias e tecer redes para a práctica do traballo social grupal e comunitario desde unha perspectiva feminista”. A sesión rematou cun cine forum na que se visionou La Manternal.
A programación continuará o mércores 29 de marzo pola tarde cunha sesión destinada a ofrecer “unha visión das migracións e as comunidades interculturais dende unha perspectiva de dereitos”. Así, haberá unha mesa de experiencias dende o traballo social na que participarán representantes das asociacións Diversidades Acolle, Ecos do Sur, Accem, Xarema, Boa Vida, Fundación Juan Soñador (Programa Teranga) e Aire. Tamén participará o Centro de Desenvolvemento Rural CDR O Viso, de Lodoselo (Ourense). Seguiralle unha quenda de “diálogos abertos compartindo experiencias de vida” e a actividade rematará cunha merenda intercultural e de convivencia.