Dous meses de orientación profesional e académica para o alumnado de Educación

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a desenvolver durante os meses de marzo e abril un ciclo de actividades de orientación académica e profesional que ten como obxectivo proporcionar ao seu alumnado información que lle sexa de utilidade para deseñar a súa “ruta cara á inserción laboral”.

A iniciativa está dirixida por Ana Iglesias (coordinadora do Grao de Educación Primaria); Isabel Mociño (coordinadora do Grao de Educación Infantil) e María José Vázquez (coordinadora do Plan de Acción Titorial-ANEAE do centro). Segundo explican desde a súa organización, o ciclo está dirixido a alumnado dos graos de Educación Infantil e Primaria, fundamentalmente dos últimos cursos académicos, pero tamén está aberto á asistencia de público en xeral interesado, especialmente egresadas e egresados destas titulacións. A programación arrancou o pasado 8 e 9 de marzo con sesión centradas nos itinerarios formativos de especialización nestes graos. Nelas explicóuselle ao alumnado que está próximo a finalizar segundo curso as particularidades destes itinerarios asociados aos títulos e as implicacións que teñen na súa posterior inserción laboral.

Días 21 e 22 de marzo e 11 de abril

Este martes, día 21, as actividades do ciclo continúan pola tarde (a partir das 17.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán do Edificio de Ferro) cunha xornada na que se abordará a inserción laboral na función pública, na empresa privada e no emprendemento, contando coa participación de profesionais en activo que exporán a súa experiencia persoal e profesional. Así, estarán María Isabel Ferreiro, mestra en Educación, profesora no CIFP Portovello de Ourense e socia fundadora de Grupo Acode Educa; Belén Pérez, directora da Escola Infantil de Paderne (Allariz); Raquel Iglesias, mestra especialista en Educación Primaria e Educación Especial (CEPI Virxe da Saleta, Cea); Juan Luís Rodríguez, mestre especialista en Educación Infantil e orientador do Colexio Plurilingüe Divina Pastora (Ourense) e Mª Teresa Vázquez, inspectora de Educación. Nesta sesión, tamén haberá espazo para que responsables dos diferentes mestrados (en Intervención Multidisciplinar na Diversidade en Contextos Educativos; en Dificultades de Aprendizaxe e Procesos Cognitivos e en Profesorado de ESO, Bacharelato, FP e Ensino de Idiomas) e programas de doutoramento (en Ciencias da Educación e do Comportamento e en Ciencias Sociais e Envellecemento) que se imparten na facultade presenten os seus estudos ao alumnado como unha opción de continuar a súa formación tras acadar o título de grao.

O día 22, as actividades continuarán na celebración da Feira EmpregoInCampus Ourense, organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio das escolas e facultades destes campus e da Deputación de Ourense. Nela, o alumnado de Educación, ademais de visitar os postos de entidades públicas e privadas presentes do seu interese, poderán asistir a varias mesas redondas do eido educativo, concretamente unha centrada no ensino no rural, nas súas fortalezas e oportunidades, e outra sobre empregabilidade no ámbito social e socioeducativo. As dúas contarán coa participación de profesionais vinculados a cada un destes eidos.  

Por último, o día 11 de abril celebrarase a xornada As linguas como vehículo para a inserción laboral, tomando como referencia tanto as linguas estranxeiras como a galega. O obxectivo desta sesión será informar e orientar ao alumnado das distintas saídas profesionais que existen no mercado laboral vencelladas ás linguas tanto oficiais como estranxeiras en Galicia, “promovendo a reflexión sobre posibles itinerarios cara á súa futura inserción”. Nelas falarase das oportunidades arredor de idiomas como o inglés, o francés e o alemán e de colaboración con editoriais galegas.

Ler a noticia completa no DUVI