As revistas de historia da educación galega e estatal estreitan a súa colaboración

Este mércores a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolleu unha reunión de representantes das revistas Historia y Memoria de la Educación e Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación que tivo como obxectivo estreitar a súa colaboración. Así, as dúas publicacións, referentes respectivamente no eido da historia da educación a nivel estatal e galego, publicarán proximamente de xeito coordinado cadanseu monográfico sobre a súa temática de traballo.

A reunión contou coa participación de Xosé Manuel Cid, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense membro do comité de redacción de Sarmiento, única publicación editada polas tres universidades galegas, que se encargará de coordinar nesta revista o monográfico que se está a elaborar xunto ao profesor Joaquim Pitassilgo, do Instituto de Educação da Universidade de Lisboa. Por parte da revista Historia y Memoria de la Educación, órgano de expresión científica da Sociedad Española de Historia de la Educación, estiveron Xosé Manuel Malheiro, profesor da Universidade da Coruña e membro do consello de redacción da publicación, e María Victoria Carrera, profesora da Universidade de Vigo. Eles dous xunto ao profesor Gianfranco Bandini, da Universitá degli Studi di Firenze, serán os encargados de coordinar o monográfico que editará esta revista de ámbito estatal.

Ler a noticia completa no DUVI